Warning: Use of undefined constant CONCATENATE_SCRIPTS - assumed 'CONCATENATE_SCRIPTS' (this will throw an Error in a future version of PHP) in /home/territo7/public_html/lifetremedal.eu/wp-config.php on line 75
Alkurruntz « Life Tremedal

Alkurruntz

Nome do enclave: Alkurruntz
Categorías de protección: Inclúese no LIC 22000015 Regata de Orabidea. Queda recollido como Solo Non Urbanizable de Protección polo seu Valor Ambiental, Humidais, no Plan de Ordenación do Territorio 3 “Navarra Atlántica”.
Localización: Baztan
Rexión: Navarra
Coordenada de referencia: 30 TXN2185, 30 TXN2186
Superficie do humidal: 2,24 hectáreas
Altitude: 550-756 m

Ver mapa

Alkurruntz

 
Este enclave, de entorno a 2 ha, está situado no outeiro ao pé do monte Alkurruntz. Accédese a el dende o porto de Otsondo, en Baztan.

O enclave comeza na súa parte superior por unha surgencia éutrofa que desauga nunha plataforma un pouco máis abaixo. Esta plataforma á súa vez, recibe auga de tres puntos de surxencia ademais da surxencia mencionada. Así, a plataforma non é homoxénea: ten zonas onde o solo está menos encharcado que o resto e se desenvolven xunqueiras (o bordo superior e o lateral occidental), hai un resalte elevado, con solo seco cuberto por un queirogal; e a maior parte está moi encharcada e cuberta por un tapiz de esfagno. A plataforma desauga mediante dous regueiros que circulan polo fondo de respectivos cavorcos, perdéndose a metade da ladeira entre o substrato.

Por debaixo da plataforma existe unha liña máis ou menos horizontal de mananciais, que presentan distinta actividade e definición, e que dan orixe a canles de fluxo de lonxitude variable. Cara ao Leste, estes fluxos alcanzan a cuneta da pista situada no fondo; no centro, os fluxos pérdense na ladeira, e cara ao Oeste, estes cauces desagüan no regueiro do barranco.

A zona da plataforma está formada por un mosaico de zonas encharcadas con comunidades de Sphagnum auriculatum e Narthecium ossifragum e pequenos promontorios con comunidades con Erica tetralix e Sphagnum papillosum. Entre estas comunidades intercálanse zonas con Rhynchospora alba e Pinguicula lusitanica. O regueiro principal caracterízase polas comunidades de Potamogeton polygonifolius, mentres que as zonas de fluxo máis difuso caracterízanse pola presenza de Eleocharis multicaulis. Atópanse tamén comunidades de Ranunculus ommiophyllus en pequenas surxencias, xunqueiras con Juncus acutiflorus, así como queirogais con Erica tetralix.

Os Hábitats naturais de Interese Comunitario(HIC) e Prioritarios (HIP) máis representativos do enclave, son os asociados a turbeiras (7140, 7150), queirogais húmidos (4020*) e xunqueiras (6410).

 

VALORES MÁIS RELEVANTES

Singularidade
Alkurruntz destaca por albergar unha importante heteroxeneidade en canto a tipoloxía de hábitats a pesar da reducida extensión que ocupa.

Valores biolóxicos e ecolóxicos
Este enclave alberga unha representación importante dos Hábitats 7140 e 7150. Destaca tamén pola presenza de flora vascular de interese.

Valores históricos e paleoecolóxicos
Os hábitats higroturbosos de Alkurruntz non contan con depósitos relevantes dende o punto de vista paleoecolóxico.

Hábitats de Interese Comunitario

Hábitat Nome
4020* Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix.
4030 Queirogais secos europeos
6230* Formacións herbáceas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos silíceos de zonas montañosas (e de zonas submontañosas da Europa continental)
6410 Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilolimosos (Molinion caeruleae)
7140 ‘Mires’ de transición
7150 Depresións sobre substratos turbosos do Rhynchosporion

 

Flora
Como elementos florísticos de interese destaca a presenza en Alkurruntz de Rhynchospora alba, Ranunculus omiophyllus, Pinguicula lusitanica e Soldanella villosa. Pinguicula lusitanica recóllese como “sensible á alteración do hábitat” no Catálogo de Flora Ameazada de Navarra. Soldanella villosa recóllese tamén como “sensible á alteración do hábitat” no Catálogo de Flora Ameazada de Navarra e inclúese ademais nos Anexos II e IV de la Directiva Hábitats.

Entre os briófitos, destaca a presenza de Sphagnum capillifolium. Por outro lado, cabe destacar que están presentes a maior parte das especies típicas dos medios turbosos do ámbito bioxeográfico Euskaldún oriental.

Rexistráronse un total de 60 especies de vasculares e 17 de briófitos, entre eles cinco esfagnos.

Fauna
Non se conta con información específica sobre fauna asociada á zona turbosa de Alkurruntz.

 

ESTADO ACTUAL

Este enclave sufriu cambios importantes nos últimos anos. O ano 2008 instalouse un peche perimetral ao humidal que impide a entrada de gando neste. Este peche tiña como obxectivo a protección dunha toma de auga nova e do depósito para o almacenamento desta.

O impacto da toma de auga, por realizarse augas abaixo da zona turbosa, e o depósito, por non se situar nesta, non son significativos. En cambio, a ausencia do gando no enclave debido ao peche para a protección destas infraestruturas levou consigo a proliferación de especies como Juncus acutiflorus e Molinia caerulea e o aumento notorio da cobertura da vexetación. En consecuencia produciuse unha diminución da superficie dos hábitats de esfagnais (HIC 7140) e de vexetación asociada a pequenas perturbacións en turbeiras (HIC 7150).

 

DIRECTRICES PARA ALA XESTIÓN E A CONSERVACIÓN

Para garantir unha xestión compatible coa conservación dos valores florísticos e dos hábitats do humidal será necesaria a instalación dun sistema que permita a entrada de gando pero garanta tamén a protección da toma de auga e o depósito.

Así mesmo, deberase establecer un programa de vixilancia e prevención que permita detectar ou previr cambios negativos nun futuro, polo efecto do aumento da carga gandeira na zona, e regular outras actividades relacionadas cos usos gandeiros como son o uso do lume e as rozas que unicamente deberían realizarse en zonas de solo seco. Tamén, deberíase establecer un perímetro de protección de mananciais para o caso de mellora ou construción de novas pistas.

En canto aos obxectivos da mellora do coñecemento, sería interesante a realización de estudios principalmente de tipo faunístico.

Para a divulgación dos valores do enclave non parece necesaria a instalación de paneis informativos no enclave, posto que é pouco transitado (o cumio de Alkurruntz si é coñecido pero a senda sobe pola ladeira norte, sen chegar a verse o enclave). Non obstante, parece adecuada a edición de folletos ou trípticos que poidan obterse nos pobos máis próximos para a posta en valor do lugar

 

FOTOS

DSC07291

DSC07290

DSC07295