Acción C.7

C.7. Adecuación do hábitat e reforzamento poboacional de Eryngium viviparum no LIC Parga-Ladra-Támoga

Os humidais con presenza da especie prioritaria* Erynigum viviparum sufriron unha grande degradación ao longo dos anos debido aos cambios no uso da terra orientados a aproveitamentos máis intensivos e pouco sostibles. Algúns humidais chegaron a desaparecer.

Todo iso reduciu ostensiblemente o nivel poboacional da especie Eryngium viviparum. Dos poucos núcleos poboacionais que perviven actualmente, o LIC Parga-Ladra-Támoga é un dos de maior importancia xa que alberga o maior número de efectivos a nivel mundial (Bañares et al (2004), Dupont (1962), Buord (1999), Romero et al (2004), Rodríguez-Oubiña et al (1997).

Para a adecuación do hábitat e reforzamento poboacional de Eryngium viviparum proponse realizar as seguintes actuacións:

a) Reforzamento poboacional no lugar Lagoa de Cospeito

Adecuarase a configuración do terreo para formar un sistema de pequenas charcas en áreas sobre sedimentos arxilosos nas que exista unha tendencia ao encharcamento temporal. Deste xeito favorecerase a prolongación temporal da lámina de auga superficial dende outono a inicios da primavera, así como a configuración no período estival dun medio xérico. Paralelamente procederase a erradicar un conxunto de pés de Eucalyptus spp. (uns 30 pés), especie que se está a estender pola área de actuación e que persiste no límite da parcela.

As áreas elixidas para a construción do sistema de pequenas charcas emprazarase en zonas próximas a núcleos poboacionais de Eryngium viviparum. A súa situación, determinará unha rápida colonización destes novos hábitats por parte do resto das especies características a partir de sementes e plántulas do propio humidal, favorecendo deste modo a aparición de novos núcleos poboacionais de especies hidrófitas de interese e o desenvolvemento de comunidades de anfibios como aqueles de interese comunitario presentes no LIC Parga-Ladra-Támoga: Discoglossus galganoi (Anexos II e IV), Hyla arborea (Anexo IV), Rana perezi (Anexo V) e Alytes obstetricans (Anexo IV).

b) Reforzamento poboacional na Illa de San Roque

A actuación proposta para este enclave é similar á proposta para a Lagoa de Cospeito. No ámbito do medio lacunar ligado a medios hidrófilos, existente na Illa de San Roque, escavaranse pequenas cubetas para formar un sistema de pequenas e superficiais charcas en áreas con tendencia ao encharcamento temporal para prolongar no tempo o mantemento da lámina de auga superficial.

c) Erradicación das especies exóticas invasoras (Eucalyptus spp.)

Eliminaránse todos os pés da especie presentes no enclave da Lagoa de Cospeito por medio dunha curta manual, retirando os pés do lugar nun paso existente por medios mecánicos, empregando en todo caso maquinaria lixeira. Cabe sinalar que non se empregarán en ningún momento métodos de control químico.

A acción desenvolverase nos terreos de titularidade pública, dedicados á conservación dos compoñentes da biodiversidade e pertencente á Xunta de Galicia, dentro da Lagoa de Cospeito e a Illa de San Roque no LIC Parga-Ladra-Támoga. A superficie total sobre a que se efectuará a acción é de 2,4 ha, repartíndose en 1,2 ha no primeiro enclave e 1,1 ha no segundo.

Cabe resaltar que as poboacións de Eryngium viviparum presentes na Lagoa de Cospeito son das únicas localizadas en terreos de titularidade pública, polo que estas xogan un papel decisivo na demostración de mellores prácticas para a conservación desta especie, tanto a nivel nacional como internacional.

Por outra banda, Eryngium viviparum é unha especie que se reproduce ben de forma asexual, dado o seu carácter vivíparo, polo que o maior esforzo no reforzamento das poboacións se centrará na produción de individuos mediante técnicas de cultivo in vitro. Tamén se realizarán experiencias de reforzo poboacional a través de sementes en campo (acción C.10).

Aproveitando a súa capacidade para colonizar novos territorios, esta acción propón reforzar tamén as poboacións de Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis, a través do incremento da superficie propicia para o seu desenvolvemento.

Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis é unha especie bulbosa e o material reprodutivo que con máis facilidade se pode recolectar, manexar, conservar e posteriormente reproducir é a súa semente. Na acción 10 está prevista a recolección de de sementes que poida utilizarse posteriormente no reforzo poboacional desta especie.

Esta acción está deseñada para que as especies poidan recolonizar e desenvolver sobre os antigos campos de cultivo, de tal forma que a intervención humana poida reducirse ao mínimo (incluídas as tarefas de plantación).