Acción C.4

C.4. Restauración, prevención de impactos e creación da turbeira de Usabelartza

O Plan de xestión do LIC Río Leizaran foi aprobado inicialmente por Orde do 23 de decembro de 2010, da “Consejería de Medio Ambiente, Ordenación del Territorio, Agricultura y Pesca”.

A Deputación Foral de Guipúzcoa (DFG), como entidade responsable da aplicación do devandito plan solicitou a revisión dos límites aprobados, co fin de que as representacións do hábitat “7140 Mires de transición” que alberga Usabelartza queden incluídas dentro do espazo Rede Natura.

As turbeiras de Usabelartza están sometidas a presións de distinta natureza, que se propoñen corrixir coas seguintes actuacións:

Para corrixir as presións xeradas das plantacións forestais (sombra, desecamento, etc.) proponse:

  • Reducir a presión que exercen as plantacións lindantes, eliminándoas nun perímetro de 25 m dende a marxe do humidal hidroturboso.
  • Eliminar especies alóctonas, un rodal de Chamaecyparis lawsoniana que queda rodeada por dous brazos de turbeiras.

Para corrixir as presións xeradas polo uso recreativo proponse acondicionar un camiño pedestre, unha senda tradicional que permitirá canalizar os percorridos de sendeiristas evitando a proliferación de itinerarios alternativos.

Para as presións xeradas polas pistas forestais proponse:

  • Corrección hidrolóxica: para recuperar as achegas hídricas ao humidal: Realización de drenaxes transversais baixo unha pista para evitar as substanciais alteracións que exerce sobre o réxime hidrolóxico do humidal na súa parte máis valiosa (a única que presenta depósitos de turba). Modificación dunha gabia existente entre a pista e o monumento megalítico, creando mediante un dique unha lámina de auga. Deste modo corríxese o impacto negativo que orixina sobre o funcionamento hídrico deste enclave e introdúcese diversidade ao proporcionar un hábitat para anfibios. Enchido da gabia que hai ao outro lado da pista, ao sur da anterior. Tamén busca corrixir o efecto sobre a drenaxe local.
  • Corrección topográfica: Proponse eliminar e restaurar a traza de pista que se interna no cavorco setentrional, atravesando o arroio. Á vez, evítase a circulación de calquera tipo de vehículo por esta zona.

 

Cabe destacar que tanto a redacción deste proxecto como a súa execución está previsto realizalas con anterioridade á data de resolución da candidatura do proxecto LIFE TREMEDAL, polo que se trata de accións cuxos custos non serán imputados a este.