Acción A.1

A.1. Diagnose, análise territorial e identificación de indicadores

Coa acción A1 preténdese reducir o grao de incerteza á hora de establecer os pormenores dos proxectos de restauración, ademais de establecer criterios de xestión extrapolables ao conxunto da rexión bioxeográfica.

Nunha primeira fase de revisión conxunta do estado de conservación e problemática de xestión sobre os humidais nos diferentes ámbitos xeográficos do proxecto, constátase que a información mínima necesaria para poder actuar é inadecuada:

  • Existen erros e incoherencias na información incluída nos Formularios normalizados de Natura 2000,
  • tamén na información cartográfica e bibliográfica dispoñible,
  • e resulta inadecuada a representación dos hábitats de turbeiras en Rede Natura 2000.

Nesta acción preparatoria vaise desenvolver unha serie de estudios co obxecto de mellorar o coñecemento necesario para a execución do proxecto:

a) Tipificación e caracterización dos hábitats dos enclaves do proxecto.

Caracterización ambiental: Recorrerase a técnicas paleo-ambientais mediante a realización de transectos sobre depósitos naturais, en áreas cunha homoxénea e importante taxa de sedimentación, susceptibles de rexistrar a variabilidade climática en períodos curtos. Nelas procederase á recollida de sedimentos orgánicos utilizando unha sonda de percusión. As columnas de sedimentos conxelaranse ata o seu tratamento en laboratorio seguindo as técnicas habituais para a recuperación e análise dos palinomorfos e microrrestos. A datación dos cores realizarase aplicando técnicas sedimentolóxicas isotópicas. Obtidas as secuencias, trataranse mediante técnicas de “hindcasting”, co fin de reconstruír os cambios da área de distribución dos hábitats e especies característicos que conforman os humidais en cada zona, en relación coa súa distribución actual. A extracción de mostras realizarase en localidades nas que os estudios contribúan directamente ás accións concretas de conservación, ben na definición das accións, na redución de incerteza ou para completar os datos paleoambientais que teñen os beneficiarios do proxecto.

Caracterización físico-química: Realizarase mediante métodos estandarizados nos que se incluirá tanto a determinación de parámetros in situ (concentración de O2, condutividade eléctrica, salinidade, pH e turbidez), como en laboratorio, onde se analizarán os principais nutrientes, catións, anións, metais pesados, sólidos en suspensión e DBO5.

Estes traballos incluirán o uso de tecnoloxía fluorométrica PAM polo que se achegarán datos sobre a dinámica temporal, fenoloxía e nivel de estrés das plantas vasculares que albergan estes humidais. A avaliación realizarase co obxectivo de detectar cambios que poidan comprometer a dinámica natural destas poboacións. As afeccións sobre os ciclos térmicos valoraranse mediante o establecemento dunha rede de sensores para o rexistro continuo de temperatura (aire, solo, auga) e humidade (aire, solo), que se confrontará cos datos procedentes das estacións meteorolóxicas existentes.

A cartografía de hábitats dispoñible para os espazos obxecto de estudio completarase e actualizarase a partires da análise clasificatoria de imaxes de sensores remotos de alta resolución (SPOT 5, Quick Bird, Ikonos), análise de ortofotografías aéreas (Plan Nacional de Ortofotos Aéreas) e toma de datos en campo.

Naqueles enclaves de actuación onde os hábitats de turbeira se viron moi influenciados polos cambios de uso no territorio (especialmente coa evolución da cabana gandeira) realizarase un seguimento da dinámica dos hábitats durante os últimos 25 anos a partir dunha análise de cambios baseada en coleccións de imaxes históricas de diferente natureza e resolución. Isto permitirá identificar as tendencias evolutivas e formular escenarios futuros en relación co efecto do cambio climático sobre hábitats e especies, e identificar e previr os efectos de futuras ameazas para a súa conservación.

b) Identificación de indicadores para os enclaves do proxecto.

Os traballos de tipificación e caracterización dos hábitats permitirán abordar a identificación dos indicadores necesarios para a valoración do estado de conservación dos hábitats estudados polo proxecto nos enclaves onde se levarán a cabo as accións de restauración (accións C1 a C10). Estes indicadores comúns servirán para facer o seguimento conxunto do proxecto (acción D1) e serán complementados a nivel de cada enclave na medida en que sexa necesario.

Para a identificación destes indicadores traballarase tanto nos enclaves onde se vai actuar, coma noutros considerados de referencia polo seu bo estado de conservación.

A información xerada neste apartado será empregada durante o desenvolvemento do proxecto para o deseño e realización das accións concretas de conservación. Tamén será utilizada con posterioridade polas autoridades competentes na Rede Natura 2000 das Comunidades Autónomas que participan no proxecto para a xestión dos espazos N2000 en Navarra e o País Vasco respectivamente.