Warning: Use of undefined constant CONCATENATE_SCRIPTS - assumed 'CONCATENATE_SCRIPTS' (this will throw an Error in a future version of PHP) in /home/territo7/public_html/lifetremedal.eu/wp-config.php on line 75
Jaizkibel « Life Tremedal

Jaizkibel

Nome do enclave: Zonas higroturbosas de Jaizkibel.
Categorías de protección (polo menos, LIC no que se inclúe): Inclúese na ZEC ES2120013 Jaizkibel.
Localidade: O monte Jaizkibel repártese entre os termos municipais de Pasaia, Hondarribia e Lezo, en Gipuzkoa.
Rexión: País Vasco (Gipúzkoa).
Superficie: 1,1 hectárea
Altitude: 160 metros (Altura mínima 16 metros, altura máxima 182 metros)
Coordenada de referencia: Orientativa WP9300. Por enclaves:

 
O monte Jaizkibel alcanza cotas moderadas, de 500 m, dende o nivel do mar. Sitúase no litoral guipuzcoano, cunha orientación paralela á liña de costa que segue nesta zona próxima á fronteira con Francia unha dirección predominante SW-NE.

Conta con formacións vexetais da serie do cerqueiral, aínda que son máis abundantes as súas etapas novas (pastos e queirogais). Un factor enriquecedor en biodiversidade moi patente en Jaizkibel relaciónase co funcionamento hidroxeológico deste macizo de pedras de gra. Xera abundantes zonas de descarga de pequena entidade pero amplamente repartidas pola ZEC, que constitúen “illas” de vexetación específica, entre as que cabe destacar pola súa relación co presente proxecto os mires de transición (hábitat de interese comunitario 7140) e as formacións de Cladium mariscus (hábitat prioritario 7210*).

VALORES MÁIS RELEVANTES

Singularidade
As formacións higroturbosas de Jaizkibel teñen relevancia polo valor intrínseco destes enclaves, que intercalan hábitats diferenciados enriquecendo a biodiversidade do mosaico de pastos, queirogais e bosquetes, ademais de proporcionar recursos aos ecosistemas circundantes, moi relacionados coa dispoñibilidade de auga (zonas de cría e de consumo de auga para fauna, focos de recolonización para especies de flora, etc.).

Valores biolóxicos e ecolóxicos
Distínguense dúas tipoloxías de humidal con formacións turbosas: acidófilas e básicas ou calcáreas. As máis abundantes, debido á litoloxía de arenitas dominante e o alto índice de pluviometría, son de tipoloxía acidófila: mires de transición ou tremoais acidófilos-esfagnais (7140), en contacto dinámico con formacións de queirogais húmidos (4020*). Aparecen en mananciais, outeiros e ladeiras húmidas, ou asociados a cursos fluviais de escasa entidade en zonas encharcadizas de lenta circulación das augas. Están dominados por flora adaptada á acidez do substrato, á humidade e ao conseguinte lavado de nutrintes, como briófitos do xénero Sphagnum. A fonte hídrica é mixta, á vez froito da escorrentía -superficial e subterránea- e da chuvia directa, existindo unha alta vulnerabilidade do hábitat ao mantemento das características oligótrofas da auga de alimentación. O solo atópase moi encharcado, polo que é moi sensible ao pisoteo, aínda que en certo grao resulta positivo xa que contribúe a manter diferentes estados dinámicos e poboacións saudables das especies rexeneradoras do hábitat. Isto último incrementa a capacidade de recuperación do sistema, unha das escasas estratexias que poden abordarse para facer fronte a fenómenos sobre os que existe escasa capacidade de xestión a escala local, como o Cambio Climático.

En canto ás formacións turbosas básicas (hábitat prioritario 7120*), só existe unha representación en Jaizkibel, como resulta lóxico dada a súa natureza predominantemente silíceo. Non obstante, dáse unha alternancia de calcarias areentas que fan que a auga dos pequenos regueiros que nacen nun pequeno cavorco se cargue rapidamente de carbonatos e poidan dar orixe a estas turbeiras calcáreas. Estas condicións minerotróficas prodúcense practicamente na desembocadura do regueiro, a 3 m.s.n.m. nunha zona na que o cavorco se ensancha e se crea unha zona chaira e ampla onde se dan as condicións axeitadas para o establecemento desta comunidade. A poucos metros a auga do regueiro vérquese ao mar. A formación de Cladium mariscus está rodeada por un folgueiral-queirogal salpicado de carballos (Quercus robur), novos cerqueiros (Quercus pyrenaica) e piñeiro marítimo (Pinus pinaster).

Valores históricos e paleoecolóxicos
Non é previsible que os enclaves higroturbosos de Jaizkibel conten con depósitos de turba relevantes dende o punto de vista paleoecolóxico.

Hábitats de Interese Comunitario

  • 1230 acantilados costeiros
  • 4020* Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas con Erica ciliaris e E. tetralix
  • 4030 Queirogais secos europeos
  • 4040* Queirogais secos costeiros
  • 4090 Queirogais oromediterráneos endémicos con toxo
  • 6510 Prados pobres de sega de baixa altitude
  • 6230* Formacións herbáceas con Nardus
  • 6210 Prados secos seminaturais e facies de matogueira sobre substratos calcarios
  • 6210* hábitat anterior con comunidades importantes de orquídeas
  • 6420 Prados húmidos mediterráneos de herbas altas do Molinion-Holoschoenion
  • 7140 ‘Mires’ de transición
  • 7210* Turbeiras calcáreas de Cladium mariscus e con especies do Caricion davallianae
  • 91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior
  • 9230 Carballeiras galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pyrenaica

 

Flora
En Jazikibel están presentes varias especies de flora relevantes polo seu nivel de ameaza ou o seu carácter relíctico. Conta con especies ameazadas propias de acantilados e franxa costeira (Armeria euscadiensis VU, Iris latifolia VU, Koeleria albescens VU e Radiola linoides NT), bosques (Quercus suber NT), regueiros (Hymenophyllum tunbrigense VU, Trichomanes speciosum VU e Woodwardia radicans VU e Dryopteris aemula NT) e zonas higroturbosas (Dryopteris carthusiana VU, Drosera intermedia EN, Thelypteris palustris EN, Pinguicula lusitanica NT e Spiranthes aestivalis VU). En 1941 citouse a presenza de Rhynchospora fusca en Jaizkibel, pero non volveu a ser localizada.

Fauna
Non se conta con información específica sobre fauna asociada ás zonas higroturbosas de Jaizkibel. Pola súa distribución na CAPV, é previsible a presenza de Zooteca vivipara (Lagarto das brañas).

ESTADO ACTUAL

A principal ameaza é a proliferación dunha especie vexetal invasora (Baccharis halimifolia) que despraza ás especies autóctonas e pode chegar a transformar o medio, alterando a sedimentación coas súas raíces e a súa grande produción de follaxe. Tamén é relevante -aínda que non estritamente unha ameaza- a carga gandeira. Un exceso pode desestruturar unha zona higroturbosa, mentres que a ausencia de pisoteo fai que desaparezan especies heliófilas e pioneiras de gran valor, ademais de iniciar un proceso de embastecimiento que substitúe as formacións higroturbosas por outras de menor valor.

DIRECTRICES PARA A XESTIÓN E A CONSERVACIÓN

O control do gando mediante peches resultou nunha boa recuperación física dos medios higroturbosos, mentres que tivo resultados dispares para as comunidades vexetais. En xeral viuse un embastecimento en ausencia de gando. Deste modo pérdese o valor das etapas pioneiras, que albergan especies heliófilas de interese como Pinguicula lusitanica e Drosera intermedia.

As actuacións previstas neste proxecto para as representacións de hábitats turbosos e higrófilos de Jaizkibel son:

  1. Instalar peches practicables nos valados existentes. Isto permitirá a entrada de gando de forma controlada, en función das necesidades dos tremoais.
  2. Instalar valado. Un dos tremoais acidófilos que se veñen estudando mantívose sen valar como control. Dotarase dun valado con peche practicable como o resto de tremoais.
  3. Control e erradicación de Baccharis halimifolia. Afecta tanto os tremoais acidófilos como á mostra de tremoal basófilo presente en Jaizkibel. Tamén se eliminarán os exemplares de Alnus cordata que afectan un dos tremoais acidófilos.
  4. Substituír unha plantación de Alnus cordata. En relación á actuación anterior, formúlase eliminar parte da plantación lindante cun tremoal acidófilo.

Aclarar formacións densas de matogueira presentes en dous tremoais acidófilos. No resto só aplicarase esta medida se se observa que o control gandeiro non é suficiente para evitar o embastecimento das formacións vexetais.

FOTOS