Noticias

O Goberno de Navarra súmase á celebración do Día Mundial dos Humidais cunha visita a Jauregiaroztegi. (20/01/2013)

O próximo día 2 de febreiro celébrase o Día Mundial dos Humidais, baixo o lema ‘Os humidais e o manexo da auga’, co obxectivo de fomentar a sensibilización das persoas acerca da interdependencia da auga e os humidais, así como facilitar os medios para que todos os implicados compartan este recurso dun xeito equitativo, xa que sen humidais non hai auga.

 

Coincide coa proclamación pola ONU do ano 2013 como “Ano internacional da cooperación na esfera da auga” e está organizado pola Convención sobre os Humidais de Importancia Internacional (Convención de Ramsar), un tratado inter-gobernamental que traballa pola conservación e o uso racional dos humidais e os seus recursos.

 

Dende hai dez anos, o Goberno de Navarra vénse sumando esta conmemoración mediante o programa ”Coñecendo os humidais navarros”. Nesta edición de 2013, organizouse para o domingo 3 de febreiro unha visita guiada á Linga de Jaregiaroztegi, en Burguete. A excursión partirá de Pamplona (Hotel Tres Reis) ás 9,30 horas, e o regreso está previsto para as 18 horas. Inclúe ademais, unha visita ao miradoiro de Ariztokia. A inscrición á excursión, que ten un prezo de 10 euros (non inclúe xantar nin comida), pode realizarse no teléfono 948 15 00 12, en horario de 10 a 14 horas.  O prazo para a inscrición finaliza o día 31 de xaneiro.

 

Jauregiaroztegi é unha das zonas húmidas máis importantes do ámbito atlántico-pirenaico de Navarra. Trátase dunha depresión moi suave de aproximadamente 10 hectáreas, ocupada por pastos e prados rodeados de faiais. Alberga especies de flora de interese especial en Navarra como Triglochin palustris, Menyanthes trifoliata e Pimpinela officinalis. Trátase de plantas propias de zonas húmidas que presentan escasas poboacións en Navarra e unha alta vulnerabilidade á alteración dos seus hábitats.

 

É, por outra parte, un lugar idóneo para a proliferación de numerosos insectos, entre os que destacan lepidópteros e odonatos. O humidal de Jauregiaroztegi, pola súa localización e diversidade de hábitats (prados húmidos, sebes, etc.) presenta unhas condicións idóneas como lugar de descanso e alimentación de aves migratorias.

 

Este humidal, restaurado durante estes dous últimos anos a través dun convenio coa Caixa, é, ademais, obxecto de estudio e restauración no marco do proxecto europeo LIFE+ Tremedal, que persegue mellorar o estado de conservación e garantir a supervivencia a longo prazo dalgúns tipos de hábitats e especies de interese comunitario asociado a humidais continentais do norte da Península Ibérica.

 

Durante o transcurso da excursión programada a Burguete, haberá un acto de presentación do proxecto LIFE Tremedal que de xeito específico vai estudar e mellorar o estado de conservación do complexo de turbeiras e hábitats asociados da zona atlántica de Navarra.

 

O proxecto inclúe a realización de accións de información e sensibilización da sociedade sobre os valores e servizos ambientais que proporcionan os humidais. Está financiado ao 50% por fondos europeos e en Navarra o socio principal é o Goberno de Navarra, a través do Departamento de Desenvolvemento Rural, Medio e Administración Local, e a sociedade pública Gestión Ambiental de Navarra, S.A.

Posted in: Novas

Deja un comentario (0) →