C.8. Mellora do estado de conservación dos hábitats prioritarios (7210*; 91E0*) no LIC Parga-Ladra-Támoga
É de destacar que dentro dos espazos galegos incluídos na Rede Natura 2000 o LIC Parga-Ladra-Támoga é o único espazo non costeiro que ten representación do hábitat prioritario 7210*. A ocupación do hábitat dentro do LIC non supera as 2 ha, que se localizan entorno ao complexo húmido dos Ollos de Begonte.
A área de actuación correspóndese con terreos adquiridos pola administración pública baseándose na súa importancia estratéxica na conservación dos hábitats higrófilos vinculados ao leito do río Miño. A actividade humana levada a cabo nos períodos anteriores á compra dos terreos dos Ollos de Begonte por parte da administración pública supuxo a modificación topográfica e a configuración do solo para o establecemento de plantacións forestais e o uso agrícola, o que provocou a destrución de parte dos hábitats de orla da lagoa (91E0*), acantoando as formacións de Cladium mariscus (7210*) nas estreitas marxes do medio acuático.
Estes impactos foron parcialmente corrixidos entre os anos 2003 e 2006 mediante a eliminación das especies exóticas que albergaban o lugar, incluído unha repoboación de Pinus radiata no ámbito do Pozo do Ollo.
Agora, co LIFE TREMEDAL, acométese a restauración destes dous hábitats prioritarios. A acción terá lugar na mencionada plantación de Pinus radiata colonizada actualmente por unha pradaría de formacións herbáceas en cuxos bordos se atopa o humidal denominado Pozo do Ollo, con representación do tipo de hábitat prioritario 7210*.
Dada a diferenza de cota entre o prado e o humidal, actualmente non é posible a seu recolinización, pero reducirase o desnivel existente para favorecer a recuperación natural do medio turbófilo na área.
Contigua á turbeira calcárea, dentro da antiga plantación forestal, reforzaranse os hábitats boscosos mediante unha repoboación de especies autóctonas con planta de procedencia local das seguintes especies: Betula pubescens, Alnus glutinosa e Fraxinus angustifolia.
Tamén está prevista a eliminación dun lavadoiro localizado en Ollo Pequeno, que se atopa abandonado e moi deteriorado dende finais do século XX. Asociado a este atópase unha canle que tamén se modificará, de modo que se recuperará o deseño orixinal da cubeta, redundando nunha maior estabilidade á hora de reter as achegas hídricas.