Nome do enclave: Illa de San Roque
Categorías de protección: Inclúese no LIC ES1120003 Parga-Ladra-Támoga e na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Parga-Ladra-Támoga
Localización: Pertencente ao termo municipal de Outeiro de Rei e Rábade, provincia de Lugo.
Rexión: Galicia
Coordenada de Referencia: 1 Km E2898N2392
Superficie da Illa: 156 ha.
Altitude:385 m
Na cunca alta, o río Miño formou durante os últimos 11.000 anos múltiples meandros divagantes que orixinan finalmente illas constituídas por material terríxeno. A maior destas illas é a de San Roque (ou de Cela) que posúe unha lonxitude de 5 km e 220 m de ancho.
As peculiares condicións hidrodinámicas da Illa determinaron que este enclave albergue un importante conxunto de hábitats e especies característicos de ecosistemas higrófilos e acuáticos. Durante o período invernal unha parte considerable das illa permanece inundada polas augas, mentres que no período estival, a lámina de auga descende, situándose a superficie das illa no seu tramo medio entre 120-200 cm por enriba do nivel de auga do río.
A titularidade do humidal corresponde á Deputación provincial de Lugo, quen adquiriu os terreos durante o desenvolvemento dun Proxecto LIFE (LIFE 00 NAT_E_007311), establecendo como usos principais a conservación dos valores ambientais e o aproveitamento do uso público do espazo
Todo o humidal atópase dentro do Lugar de Importancia Comunitaria, e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Parga-Ladra-Támoga. Dado o seu interese para a conservación, este enclave inclúese dentro da Zona “Área de Protección” tal e como se reflicte no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia. Ademais este enclave está integrado totalmente dentro da Zona Núcleo da Reserva de Biosfera Terras do Miño.
A Illa de San Roque conta cun centro de interpretación no concello de Rábade, “A Casa das Ínsuas”, xestionado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio onde se pode obter información sobre este espazo e as rutas que están dispoñibles para uso público na Illa de San Roque.
- VALORES MÁIS RELEVANTES
Singularidade
A vexetación acuática atopa neste lugar unha área favorable para o seu desenvolvemento, con importantes comunidades de vexetación de ríos oligotróficos dominadas por Ranunculus penicillatus, Potamogeton perfoliatus, P. crispus, Sparganium emersum, características dos hábitats de interese comunitario 3260 e 3270. Acompañando a estes hábitats de auga doce corrente destacan outros asociados como son os diversos tipos de bosques de inundación e de bosques climácico (91E0* e 9230), así como diferentes tipos de prados máis ou menos higrófilos (6410, 6430 e 6510), todos eles situados dentro da propia illa.Ademais destes hábitats, tamén están presentes outros máis sensibles aos cambios de uso e á intensificación dos labores agrícolas, como son os pequenos regueiros estacionais do interior das illas, os megaforbios eutrofos dos límites do bosque (6430), os prados de sega de baixa altitude (6510), e mesmo hábitats acuáticos de pequena extensión superficial como as charcas temporais asociadas ás enchentes do río (3110).
Codigo Denominación 3110 Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Littorelletalia uniflorae) 3260 Ríos, de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion 3270 Ríos de ribeiras lamacentas con vexetación de Chenopodion rubri p.p. e de Bidention p.p. 4020* Queirogais húmidas atlánticos de zonas temperadas de Erica cillaris e Erica tetralix 6410 Prados con molinias sobre substratos calcarios, turbosos ou arxilolimosos (Molinion caeruleae) 6430 Megaforbios eutrofos hidrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano a alpino 6510 Prados pobres de sega de baixa altitude (Alopecurus pratensis, Sanguisorba officinalis) 91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno- Padion, Alnion incanae, Salicion albae) 9230 Carballeiras galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pyrenaica Nas augas máis superficiais e leníticas que delimitan a Illa de San Roque, poden ser observadas diversas especies de flora con destacado interese de conservación, sendo consideradas como especies raras ou ameazadas de extinción. Asentadas sobre os bordos areosos atópanse densas poboacións de Isoetes fluitans, fento acuático endémico de Galicia, ou Nymphoides peltata, ambas as dúas especies en perigo de extinción e incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas. En tramos máis tranquilos, ou nas pequenas canles que atravesan a Illa, tamén se localizaron pequenas poboacións de Luronium natans, especie de interese comunitario incluída no Anexo II e IV da Directiva Hábitats.
Outra das especies ligadas a medios higrófilos, que tamén se pode atopar na Illa, é Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis, que xunto a Luronium natans forma parte das especies de interese comunitario presentes neste enclave. Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis é un xeófito de grande tamaño (20-60 cm) incluído nos anexos II e IV da Directiva Hábitats, cuxa distribución está restrinxida ao territorio da península ibérica.
Fauna
Entre a fauna que pode destacarse na Illa de San Roque atópase o mexillón de río (Margaritifera margaritifera), especie de interese comunitario considerada En Perigo de extinción polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas presente nas canles que rodean a illa.Tamén aparecen neste enclave colonias de morcegos, detectándose no territorio o morcego espertello (Eptesicus serotinus), o morcego das ribeiras (Myotis daubentonii), o morcego común (Pipistrellus pipistrellus e Pipistrellus pygmaeus) ou o orelludo común (Plecotus auritus), todas estas especies inclúense na Directiva Hábitats.
- ESTADO ACTUAL
Tanto a illa de San Roque como as pequenas illas do seu ámbito máis inmediato foron adquiridas pola Deputación provincial de Lugo co único obxectivo de manter nun estado de conservación favorable os diferentes hábitats e especies que este enclave atesoura. Este conxunto de illas de Outeiro de Rei conta con diferentes rutas para o uso público do lugar, que ha de restrinxirse ás sendas habilitadas a tal fin.
Na actualidade, o enclave atópase ben conservado, sendo un espazo de referencia para a conservación de especies que fóra deste territorio poden acusar a intensificación de uso gandeiro e agrícola.
- DIRECTRICES PARA A XESTIÓN E A CONSERVACIÓN
A consecución dos obxectivos de conservación establecidos para este enclave necesita de labores de vixilancia e prevención dos usos que se desenvolven actualmente na illa, non permitindo a intensificación da presión gandeira ou da actividade turística.
- FOTOS
-