Acción D.3 Seguimento do impacto socioeconómico do proxecto
Este proxecto, ademais de contribuír á conservación das turbeiras e outras zonas húmidas e a unha maior concienciación social sobre os valores que albergan e a súa importancia na xestión global do territorio, busca ter unha repercusión positiva na poboación e na economía local.
É importante que os axentes sociais e a poboación en xeral sexan conscientes das oportunidades que brinda a Rede Natura 2000 para o desenvolvemento social e económico mediante a conservación e posta en valor do patrimonio natural.
Para valorar o impacto socioeconómico do proxecto formúlanse dúas actuacións:
- En relación co impacto social, prevese a realización dun estudio de opinión ao inicio e ao final do proxecto, para medir cuantitativa e cualitativamente o cambio producido no grao de coñecemento, de sensibilización e de actitude, consecuencia do desenvolvemento das distintas accións de sensibilización e comunicación.
- Para a avaliación do impacto económico do proxecto prevese a elaboración dun informe de revisión da porcentaxe do presuposto total do proxecto cunha repercusión máis directa no seu ámbito xeográfico: contratación de obras, estudios e traballos adxudicados a empresas locais, viaxes e axudas de custo, etc.
Tamén se quere valorar a contribución que o proxecto poida ter no desenvolvemento local, favorecendo por exemplo accións de eco-turismo (ofrecendo novos espazos de alto interese natural, paneis interpretativos, folletos,…).
Por último, avaliarase como as accións contribuíron á restauración dos servizos ecosistémicos e a súa valoración económica.