O Ibader celebra o Día Mundial dos Humidais cunha xornada de divulgación e información no CEIP Santa María do Valadouro (2/2/2014)
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela celebrou este xoves o Día Mundial dos Humidais cun acto de sensibilización e información con escolares de ensino primario do CEIP Santa María do Valadouro.
Esta actividade, que contou coa presenza do vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación da USC, Pablo Ramil Rego, tamén constitúe unha das actividades encadradas dentro do abano de tarefas de divulgación do proxecto europeo Life+Tremedal ‘Humidais continentais do Norte da Península Ibérica: Xestión e restauración de turbeiras e medios higrófilos’.
O vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación e coordinador da USC do proxecto Life+Tremedal, Pablo Ramil; a deputada delegada da área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo; o alcalde do Concello do Valadouro, Edmundo Maseda Maseda, ademais de docentes do centro, participaron neste acto conmemorativo do Día Mundial dos Humidais. Esta efeméride celébrase desde 1997 o 2 de febreiro, por tratarse da data na que se adoptou a Convención Internacional dos Humidais, asinada en 1971 na cidade iraní de Ramsar.
Esta xornada de celebración do Día Mundial dos Humidais serviu para que os relatores participantes presentaran, a través de medios audiovisuais, aos escolares do Ceip do Valadouro, os diferentes tipos de humidais que poden atopar na Reserva da Biosfera Terras do Miño, ademais de informar sobre a importancia destes recursos naturais e dos valores que achegan aos cidadáns na súa vida cotiá.
Ao remate das intervencións, técnicos do Ibader responsables do proxecto Life+Tremedal fixeron tamén unha presentación sobre os valores e a importancia de conservar os humidais na comarca, ao tempo que repartirán material de sensibilización entre os escolares.
Posted in: Novas
Deja un comentario (0) →