C.3. Restauración ambiental do LIC Lago Arreo-Caicedo Yuso
A compra dos terreos e o seu posterior cambio de usos serán complementados coas seguintes actuacións:
1. Recuperación da vexetación natural
a) Recuperación do bosque galería do rego do lago. Este curso fluvial de marcado carácter estacional mostra unha vexetación de ribeira discontinua; pequenos redutos integrados por algún chopo, salgueiros e un estrato arbustivo que entra en contacto coa vexetación palustre. Plantaranse exemplares de pequeno tamaño do ámbito, de dous zumes como máximo ou procedentes de estaquillas, segundo a especie. Farase en ambas as dúas marxes, ao longo dos 800 metros que discorren polas parcelas obxecto de compra na acción B1. As especies que se prevé plantar son Prunus spinosa, Fraxinus excelsior, Salix atrocinerea, Salix eleagnos, Alnus glutinosa, Anemone nemorosa, Ulmus minor, Euonymus europaeus e Corylus avellana.
b) Revexetación da masa forestal na marxe do bosque existente. No ámbito do lago, o carrizal-carregal potencialmente daría paso paulatinamente a formacións de carrasquedo montano subhúmido (9340), carballeira submediterránea (9240) e algunha zona con presenza de Quercus cerris, dependendo da exposición do terreo. Esta acción propón plantacións destinadas a diminuír o cambio tan brusco que se produce entre o bosque e os cultivos, restaurando dúas áreas situadas no límite do carrasquedo mediante mellora e diversificación da cobertura vexetal degradada ou case inexistente:
- no ámbito do manancial salino buscarase un bosque de carrasquedo montano subhúmido mediante a plantación de especies como Quercus ilex subsp. rotundifolia, Q. faginea e Juniperus communis
- un bosque de transición carrasquedo-cerqueiral con elementos de cerqueiral, coa plantación de especies como Quercus ilex subsp. rotundifolia, Q. faginea, Q. pyrenaica, Crataegus monogyna e Juniperus communis.
c) Favorecer o avance por rexeneración natural do carregal-carrizal no ámbito máis próximo ao lago. Tendo en conta o resultado do estudio topográfico (Acción A2) definirase a forma de restituír a morfoloxía inicial do terreo e a restauración dos hábitats de interese. Estímase que se poderá alcanzar unha recuperación do 14%, é dicir, 1,5 ha de superficie dos hábitats tipo 7210*, 7230, 1410 e 1510*.
d) Restauración do hábitat 6210*. Levarase a cabo na superficie das parcelas agrícolas nas que non se restaurarán os hábitats anteriormente mencionados (9240, 9340, 7210*, 7230, 1410 e 1510*).
2. Prevención da erosión
Un dos problemas que ten o lago é a inestabilidade do noiro da zona norte. Para evitar desprendementos é imprescindible o mantemento de vexetación na zona que anule ou minimice os efectos erosivos e restrinxir os usos que poidan favorecer á erosión. A acción B1 inclúe a compra de dúas parcelas de propiedade particular que se sitúan na parte alta do noiro, sendo o resto propiedade pública. Con esta compra restrinxiranse os usos sobre este terreo. No que respecta á vexetación, descartáronse as plantacións posto que ten unha boa masa de Quercus cerris e Quercus ilex.
3. Control de fauna alóctona
a) Especies piscícolas: Empregaranse dous métodos específicos:
- Pesca pasiva con redes de galadas, de diferentes aberturas de malla, na cubeta do lago con augas máis profundas e pesca eléctrica na zona litoral, pouco profunda e con vexetación emerxente.
- Pesca eléctrica no perímetro do lago, salvo o seu noiro norte, debido á inestabilidade desta zona e a que as augas alcanzan rapidamente unha marcada profundidade.
b) Cangrexo vermello: Recorrerase tamén a dous métodos:
- Captura pasiva mediante utilización de nasas cangrexeiras.
- Captura directa a man e con axuda de sacadeiras e reteis.
4. Regulación do uso recreativo.
Dada a elevada vulnerabilidade da vexetación que rodea o lago e a existencia de prácticas non autorizadas de captación de auga e introdución de fauna alóctona, pecharanse ou dificultarán todas as zonas actualmente practicables de acceso ao lago e instalarase sinalización que expoña a prohibición de acceso.
Crearase unha única entrada nova -só de acceso a persoal autorizado para as tarefas de xestión e seguimento- que permanecerá pechada.
Para facilitar o uso público do espazo N2000 pero á vez protexer os seus hábitats máis vulnerables formúlase facilitar un espazo alternativo acondicionando o ámbito da Ermida de Nosa Señora do Lago co fin de canalizar o uso público. Trátase dunha localización separada do humidal por unha estrada veciñal e zonas de cultivo, polo que pode concentrar o uso público e evitar así efectos negativos sobre o humidal.